SAÚDA DO REITOR PARA A XXXI SEMANA DE CINE SUBMARINO DE VIGO
Conscientes da importancia que o mar ten para esta cidade e para toda Galicia, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da nosa universidade organiza coma cada novembro, dende hai xa trinta e un anos, a Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo. Permitídeme agradecer o seu traballo entusiasta e a colaboración de Afundación, Obra Social Abanca, que nos permite dispor do marabilloso teatro onde teñen lugar as proxeccións.
Este agardado fito cultural de primeiro nivel, e referencia obrigada para as e os amantes do mar e do cine, contribúe a reforzar as relacións da institución universitaria coa cidade de Vigo e con toda a sociedade á que trasladamos os coñecementos do persoal investigador nas nosas facultades de ciencias, na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ou no campus de excelencia internacional: seguimos divulgando ciencia.
Só se ama o que se coñece. Baixo esta premisa, queremos achegarlle a toda a cidadanía unha selección de documentais que nos permitirán viaxar a través da pantalla a lugares do máis dispar: este ano sairemos da ría de Vigo e dirixirémonos ao río Douro para descubrir as especies que o habitan; concienciarémonos coa sobreexplotación das quenllas e coñeceremos a historia fascinante do pecio do Umbría; por último, viaxaremos aos lugares máis profundos dos océanos cun dos seus protagonistas, que nos acompañará para compartir con todas as persoas que o desexen as súas experiencias, ao igual ca os outros dous convidados da semana.
O mar, ademais de fornecernos de alimento, traballo e riqueza, proporciona cultura e ocio; velaí a gran tarefa que todos e todas temos por diante: garantir a conservación dese mundo natural e fascinante. Canto máis coñezamos o mar, máis o habemos querer, e máis o coidaremos co fin de preservalo para as xeracións vindeiras, que volverán encher de ledicia as sesións matinais da Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo.
Por iso, este ano, estamos especialmente orgullosos de poder darlle o noso humilde recoñecemento á Confraría de Pescadores de Vigo polo seu traballo a prol da preservación do noso mar, co seu proxecto de limpeza dos fondos mariños.
Coñezamos, pois, os misterios das profundidades mariñas e fluviais, gocemos coas imaxes inesquecibles e aprendamos cos convidados que, sen dúbida, nos achegará esta nova edición da Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo: agardámosvos !!!!!
Manuel J. Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
Manuel J. Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo