CONVIDADOS

Martes 08

»› Acto de recoñecemento da Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo á Confraría de Pescadores de Vigo na persoa do seu patrón Maior, pola súa aposta pola conservación do noso medio mariño
2018110323500936270
Iago Soto. Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Vigo.

Iago Soto García é mariscador a pé dende o ano 2013 e participa no goberno da confraría dende entón. Foi elixido patrón maior no ano 2018, cargo que ocupa na actualidade. Nacido en Vigo é licenciado en Bioloxía Ambiental, ten un grande interese en poñer en valor a conservación do medio mariño, en particular o ecosistema das rías.

A confraría de pescadores San Francisco representa a pesca local artesanal en Vigo. Un dos seus fins é participar na custodia e na salvagarda no seu ámbito litoral. Neste fin enmárcase a campaña «Mar limpo, mar vivo». Este proxecto, serviu de estímulo para organizar unha serie de accións relacionadas coa problemática, de acumulación de lixo en bancos marisqueiros. Tras procurar a participación da maior cantidade de socios e socias da confraría no proxecto, organizáronse xornadas de limpeza dos fondos mariños máis afectados pola acumulación de refugallos por parte dos propios pescadores. Un dos obxectivos recollidos no proxecto é divulgar o problema do lixo mariño fóra do ámbito pesqueiro, o cal nos levou a elaborar esta reportaxe que se proxecta na Semana de Cine Submarino.

Outros dos labores que desenvolve a confraría no eido ambiental son o seguimento dos recursos e os seus hábitats asociados coa asistencia técnica dun biólogo, a vixilancia a través do noso gardapesca, a colaboración co Centro de Control do Medio Mariño mediante a toma de mostras ou mesmo o desenvolvemento dos plans de xestión dos recursos, baseados en criterios de conservación ou de mellora dos valores naturais, culturais e socioeconómicos da contorna.

 

»› Convidado: Carlos Rodríguez

Carlos Rodriguez

BIOGRAFÍA

Carlos Rodríguez (León, 1971). Mestrado en bioloxía pola Facultade de  Bioloxía da Universidad de León (2000). Mestrado en economía pola Facultade Ciencias Económicas e Empresariais da Universidad de León (2001). Doutoramento en Bioloxía Acuática (2007).

Funda o produtora Bicho no ano 2005, co obxectivo de mostrar a natureza como ferramenta divulgativa.

Produciu ou participou en innumerables documentais de natureza desde 2006 ata hoxe en día.

Nestes anos, tres proxectos LIFE confiaron na súa produtora para achegarlle os seus estudos á sociedade. Co mesmo propósito, Bicho presentou os resultados de proxectos científicos e novas técnicas de xestión ambiental que supuxeron avances fundamentais para conservar o medio natural.

A súa formación como biólogo convenceuno da necesidade de amosar cunha cámara os aspectos máis recónditos da natureza. A súa particular relación co mundo da pesca levouno a realizar documentais con esa temática, pero é nos estudos subacuáticos sobre o comportamento das nosas especies acuáticas onde se recoñece o seu interese polos documentais con contido científico.

O seu estudo sitúase en plena montaña de León, na localidade de Sopeña de Curueño.

 

Mércores 09

»› Convidado: Daniel Aldaya

Daniel Aldaya
Daniel Aldaya
BIOGRAFÍA

Daniel Aldaya (Granada, 1972). Licenciado en Ciencias da Información, na rama de Imaxe e Son pola Universidad Complutense de Madrid.

Daniel Aldaya é un experimentado posprodutor e grafista con máis de vinte anos de experiencia en Mediaset. Traballou como formador e como realizador freelance en numerosos vídeos corporativos, documentais e anuncios televisivos. Ten ampla experiencia en formación en academias e en empresas, e noutros aspectos da contorna audiovisual como cámara e guionista. No seu tempo libre, escribiu e dirixiu varias curtametraxes. Actualmente compaxina a súa profesión coa súa maior afección, a imaxe submarina, gravando e dirixindo reportaxes e documentais submarinos.

Pertence ao equipo de We Are Water Films: un grupo de profesionais da imaxe, apaixonados polo mar, o submarinismo e a vida salvaxe. Desde hai varios anos canalizan as súas inquietudes a través da realización de traballos documentais nos que tratan de achegarlle as marabillas do mundo mariño ao público xeral, convencidos de que coñecer, amar e respectar van sempre da man.

 

Xoves 10

»› Convidado: Héctor Salvador

Héctor Salvador
Héctor Salvador
BIOGRAFÍA

Héctor Salvador (Lugo, 1983) estudou Enxeñaría Aeroespacial e comezou a súa carreira profesional na Axencia Espacial Europea. Pero cando aprendeu a mergullarse, namorou dos océanos e decidiu darlle un xiro radical á súa carreira para converterse en piloto de somerxibles e acumular máis de 2000 inmersións en todos os océanos do noso planeta.

Héctor Salvador é o director de Tritón Submarines EMEA, a filial europea do fabricante estadounidense de somerxibles de investigación, e en abril de 2021 converteuse no primeiro español en descender á fosa das Marianas nun dos vehículos que el mesmo axudou a deseñar e a construír.

Héctor é académico correspondente da Real Academia do Mar, consultor marítimo da Real Liga Naval Española, membro numerario da Real Sociedade Xeográfica e membro do prestixioso Explorers Club de Nova York.